«

»

LA CASTAÑA

Pan de ayer, delicatessen de hoy

Moito teñen que contemplar en Ourense os amantes das árbores. Pero de entre todas elas, hai unha que é sobranceira pola sua beleza e por unha chea de cualidades: o castiñeiro. A súa madeira é moi estimada polos ebanistas e escultores, e a súa corteza ó paso dos anos, fixo que noutros tempos fose a árbore preferida para as vigas das grandes construccións. E se a madeira é boa, os abondosos froitos do castiñeiro, a máis de seren un alimento baril, hoxendía páganse caros pois pódense consumir de moitas maneiras diferentes.

web_castañas

Ata hai arredor de dous séculos, cando os nosos labregos descobriron as patacas chegadas de América, as castañas eran o principal alimento da meirande parte dos galegos. A proba de isto é que cando se fixeron arranxos en casas vellas, atrás de paredes e en faiados aparecían moreas de cascas de castañas. Outra proba é a cantidade de nomes que se lle daban ás castañas nos diferentes lugares, dependendo da forma en que elas estivesen.

O seu nome científico é Castanea Sativa, e o nome enxebre e xenérico en moitas das nosas bisbarras, ademáis de castaña, era cagoxa, e o da súa casca, dentro do ourizo, moíña. Hai polo menos sete variedades, cada unha co seu propio nome: beleriñas, crocas, degaros, escoloradas, restelas, restrellos e rosendas. E a chea de nomes seguía segundo o estado en que se atopasen as castañas: as que caían dos ourizos chamábanse degrañas, bagutos, destelos, bolercas; al verdes, fouladas; as fopas ou con becho, bolecas, mionas, billercas, croucas; as que tiñan a casca moi pegada, cascudas; as pilongas, maias; as que se rexeitaban, vellecas; cando estaban cocidas con monda, marmotas, zonchos, mamudas, zamelos, balocas; cocidas sen monda, burgazas; asadas, bullotes, couchóns, carrolos. Mondar as castañas era depenar; varealas para que caíran da árbore, derrucar; ir ó monte a collelas, asoutar; sacudirla dentro dun saco para que solten a moiña, esfarraquear. E así ata setenta e seis nomes encol dos froitos do castiñeiro.

O camiñante que se adentre polos soutos que ondequer se extenden polas costeiras dos montes de Ourense, vaise topar con centenarios castiñeiros caracochos, con formas enfeitizantes que o levarán a mundos de quimerias, fadas e trasgos.

web_castaño centenario web_souto gallegoweb_bosque de castaños