«

»

BALNEARIO DE LAS CALDAS DE PARTOVIA

O balneario das Caldas de Partovia segue sendo, a pesares das súas desfasadas instalacións, un dos lugares
máis coñecidos na Galicia termal. Ó longo de séculos foi punto de confluencia de milleiros de persoas que
acudían a este lugar na percura do ansiado remedio para moitos males tal e como  queda reflectido nas follas dos libros parroquiais nas que atopamos a numerosas xentes de diversa orixe xeográfica –incluso de fóra de Galicia- e condición social. En torno a estas instalacións naceu unha importante actividade hosteleira que deu vida ó lugar das Caldas e que se mantivo atá chegar ó século XX no que o brioso e puxante O Carballiño gañou a batalla nese aspecto.
Balneario de Partovia

Temos razoables sospeitas para matinar na relación e evidente uso destas augas por parte dos romanos asentados no próximo Puzo do Lago, sendo estes como eran amantes deste tipo de mananciais de carácter termal é de supor coñecerían os atributos terapéuticos das mesmas e os beneficios pracenteiros que producen.

Nos séculos do medievo, baixo a directa dependencia da Granxa e Priorado que o mosteiro de Oseira ten establecida dentro da parroquia, pensamos que deberon ser un moi efectivo remedio para unha sociedade miserenta cuns servicios médicos precarios ou inexistentes e dentro dun período no que a poboación veuse castigada de cheo polas incontables enfermidades e epidemias espalladas por toda a xeografía europea.

Despois, xa no mundo moderno e plenamente documentado como xa anticipamos ó comezo, acoden a curarse a Partovia centos de mulleres e homes de distinta procedencia e condición social. Moitos deles, nun estado de saúde calamitoso, na percura dun derradeiro remedio ou por outras circunstancias, acaban os días da súa vida nesta parroquia mentres gozan do acougo das instalacións das Caldas.

Chegados ó século XIX, xa de titularidade municipal, despois do primeiro proceso desamortizador, tal e como comenta Taboda Leal en 1877 falando de que pertenecían a los monjes del extinguido convento de Osera, y como ningún interés les movía a cuidar y mejorar estos baños, yacían en un completo abandono, usándolos los enfermos que a ellos concurrían a capricho y según les parecía, faltando por consiguiente el abrigo y hasta el decoro. En estado deplorable permanecieron hasta que verificada en 1836 la exclaustración se incautó de estos terrenos el Gobierno, y el Ayuntamiento se hizo cargo de los baños, comenzando a hacer en ellos algunas mejoras hacia el año 1842”. Posteriormente, os baños vense sometidos ó novo proceso desamortizador de mediados de século. Así, na subhasta levada a cabo o día 15 de decembro de 1859, foron postores D. Andrés Pinal, interesante e poderoso comerciante de Partovia e levador do foral da granxa de Oseira, que ofertou de principio 41.000 rs.; os outros postores, D. Joaquín Rodríguez e D. Cándido Valdés mellorarona. Finalmente, e despois dunha apaixoante teima, o balneario foi adxudicado definitivamente a D. Joaquín Rodríguez, do Carballiño, na cantidade de 109.420 rs.
web-partovia-chorro

Os numerosos visitantes chegados a Partovia, como ben describe Ruiz de Salazar, “…se alojan en las casas de  los pueblos de Carballino, Partovia y El Torrón , siendo barata la estancia y buena la alimentación”. Este autor, xunto con outros sonados estudiosos, fan detalladas descripcións da vida termal, anotando o alto nivel acadado poucos anos despois de pasaren a titularidade privada, con atención e instalacións axeitadas. Así F. Fulgosio en 1866 comenta que “Hay en Partovia baños, que tienen médico director y producen excelente efecto en las enfermedades nerviosas, reumáticas y erupciones cutáneas”. No ano 1877, Ruiz de Salazar, comenta que as instalacións son pésimas. A finais do XIX, o balneario parece contar con instalacións de alto nivel, segundo comenta Valcárcel y Vargas en 1896 además de dos grandes piscinas para baños generales de hombres y mujeres, cuenta con seis pilas de piedra y dos muy buenas de mármol blanco, todas independientes”. A propósito dos numerosos agüistas que concorren a este balneario, Valcárcel y Vargas suliña a odisea que supón chegar a Partovia: “Los viajeros de la línea de Madrid vendrán por Monforte á Orense. Los de Coruña, Santiago, Ferrol y Lugo por ferrocarril á Monforte y Orense. Desde Orense á Carballino hay tres expediciones diarias: á las cuatro de la madrugada y á las siete de la tarde en tren á Barbantes, donde se toma el coche de Carballino –enténdase de cabalos- ; pero es preferible el viaje directo en el coche que partiendo desde Orense á las cuatro de la tarde llega á Carballino á las ocho de la misma”.

Hoxe, con moitos e mellores medios de comunicación, son as instalacións do propio balneario as que parecen terse detido no tempo. Aínda así, hoxe son milleiros os usuarios que fan uso das súas instalacións.